INICIAR SESIÓN

Dende a Coordinación de Emprendemento do CIFP Ánxel Casal- Monte Alto queremos darvos a benvida a este espazo que nace co espirito de fomentar o emprendemento entre o noso alumnado.

Neste canle de comunicación iremos informando de todo o relacionado con emprendemento:

Actividades que se desenvolvan no centro

Ligazóns a información e ferramentas de xestión empresarial

Novidades en materia de lexislación que afecte ao autoemprego

Axudas e subvencións para a creación de empresas

… En definitiva, queremos crear un espazo para difundir e promocionar a cultura emprendedora, onde apoiar e asesorar a todos aqueles alumnos que opten polo autoemprego como vía de incorporación ao mercado laboral.

Por iso, dende aquí queremos animar a todos aqueles que teñan unha idea de negocio a levala á práctica.

 Xa chegou o novo curso 2017/2018 e con el, a Coordinación de Emprendemento do CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, que dende o seu blog segue a fomentar o emprendemento entre o noso alumnado e promocionar a cultura emprendedora, por iso, seguiremos informando de todos aqueles aspectos que vos animen a convertiros en emprendedores e dar o paso cara unha aventura empresarial, poñendo a vosa idea en práctica.

Recordade que contamos cun VIVEIRO DE EMPRESAS que é un local dividido en despachos equipados con moblaxe, sala de reunións, equipamentos informáticos e os servizos precisos para levar as xestións necesarias para a posta en marcha da túa iniciativa emprendedora. No viveiro tamén contarás con asesoramento para o teu proxecto.

Poden acceder os alumnos que teñan un proxecto empresarial a desenvolver en Galicia, sempre que estean matriculados no derradeiro curso dun ciclo formativo de formación profesional, os que o remataran nos catro últimos anos, e tamén os que estean a estudar bacharelato.

O procedemento de acceso consiste en:

  • Entrevista incial co titor do viveiro

  • Elaboración do plan de empresa

  • Se o proxecto se valora como viable, asinarase o Contrato de cesión de espazo no viveiro de empresas do CIFP, para usar de forma gratuíta as instalacións do viveiro como sede da empresa.

Poderase gozar das instalacións do viveiro por un prazo de 2 anos, prorrogable nalgúns casos ata 3 anos.

Para máis información contactar coa titora do viveiro de empresas, Paula Díaz Carballada

fpinnova1

Máis imaxes do evento

A pasada semana, os días 10,11 e 12 de maio, celebrouse no Gaiás-Cidade da Cultura de Santiago de Compostela por segundo ano "FP INNOVA 2017" e o noso CIFP participou coa miniempresa "OUVISAN, SLS" creada polos alumnos do CS Audioloxía Protésica do réxime ordinario y modular, dentro do Programa Lanzadeiras, da Consellería de Educación e coa participación da Fundación Alcoa

O recinto contaba con dúas partes diferenciadas: por un lado os proxectos de innovación e por outra as 8 miniempresas participantes, o noso stand estaba colocado xusto o principio desta parte, polo que contou con multitude de visitas que facían que tanto os profesores como os alumnos participantes estivésemos case todo o tempo explicando en que consistía a nosa miniempresa e cal era o noso produto: protectores auditivos totalmente personalizados, á medida, adaptados ás características fisiolóxicas dos usuarios e as características do entorno académico ou profesional, para a protección dos ouvidos fronte a contaminación acústica e así poder reducir as consecuencias negativas do ruído e tamén para a protección fronte a auga, por exemplo, na práctica de deportes náuticos, ou para persoas con algún problema nos ouvidos como otite, perforación timpánica, etc. Os alumnos tanto de réxime modular como de ordinario amosaron en todo momento as súas cualidades como futuros Técnicos en Audioloxía Protésica e incluso as súas capacidades comerciais, xa que moitos asistentes tras as súas explicacións preguntaban se lles podían facer uns protectores, polo que xa "OUVISAN SLS" tería clientes.

O público amosouse moi interesado, tanto rapaces da ESO e ciclos de FP, os seus profesores, como as diferentes personalidades asistentes a FP INNOVA. O Conselleiro de Educación D. Román Rodríguez, (que estivo acompañado, entre outras personalidades, polo director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira, e pola subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez) na conversación que mantivo coa Coordinadora de Emprendemento do CIFP e coa profesora de Audioloxía Protésica: Beatriz Fariña, recoñeceu a esta última pola súa participación noutros actos, como o celebrado en Mondoñedo e que contara coa visita da Raíña dona Leticia.

Nestes tres intensos días tamén houbo anécdotas simpáticas como que o noso alumno Marcos Fernández gañou co concurso promovido polo CIFP Compostela, de adiviñar canto pesaba unha mimihamburguesa, ou a participación doutro alumno do noso centro, Breixo Fernández, como axudante do mago que participou no acto de clausura.

 

 

fpinnova

Os días 10, 11 e 12 de maio celébrase na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o Congreso de Innovación na Formación Profesional.

O congreso contará cunha parte expositiva, na que estará presente o proxecto do CIFP Ánxel Casal - Monte Alto resultante do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende, a cargo do Ciclo Superior de Audioloxía Protésica.

Ademais, tamén se amosarán algúns dos proxectos de innovación tecnolóxica e didáctica desenvolvidos por centros galegos de formación profesional.

Servirá tamén como lugar de debate sobre o futuro da formación profesional, o emprendemento como factor de innovación e as crecentes colaboracións co sector produtivo.

As inscricións dos centros faranse a través da páxina web www.fpinnova.gal. Nesta páxina tamén se atopa máis información sobre FP Innova 2017.

O acceso aos espazos ten carácter gratuíto para o público en xeral.

O Ciclo Superior de Audioloxía Protésica, do réxime ordinario, foi obxecto o pasado venres 10 de febreiro dunha pequena reportaxe no periódico "A Opinión" da Coruña, con motivo da súa participación xunto co réxime modular do mesmo ciclo no Programa Lanzadeiras, coa súa miniempresa OUVISAN.

Como xa informamos dende a Coordinación de Emprendemento do centro neste blog, o alumnado está a crear unha miniempresa na que elaboran protectores auditivos a medida, adaptados ao oído do cliente e usuario como protección fronte a diferentes factores como pode ser o ruído, a auga, etc. Os alumnos traballan por equipos como se fosen os diferentes departamentos dunha empresa, polo que tratan aspectos como o estudo de mercado, nome e logotipo da empresa, produción, marketing, plano económico-financeiro, etc. e que van desenvolvendo nun plano de negocio. Ademais para probar o produto e poder testalo contan coa axuda do alumnado do Ciclo Superior de Próteses Dentais, 2º curso, que colaboran como “panel de consumidores”.

Os alumnos recibiron a visita do fotógrafo mentres traballaban coa súa profesora de EMPA (Elaboración de moldes e protectores auditivos), Beatriz Fariña García no seu taller e recibían unha sesión formativa para axudarlles na creación da súa miniempresa OUVISAN. No acto formativo tamén se atopaba presente a Coordinadora de Emprendemento, Paula Díaz, quen participa xunto con Beatriz Fariña, Ana Barba y Juan Carlos Armisen como profesores no proxecto.

Ligazón á noticia